Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

A COCIÑA DE MERLÍN

Teño escoitado moitas veces, e este ano de maneira insistente, que Álvaro Cunqueiro amosaba case tanta imaxinación cando escribía sobre cociña e gastronomía como nas súas novelas e artigos xornalísticos. Dende logo, o maxín do mestre de Mondoñedo era amplo e xeneroso e a súa pluma tiña a virtude de pintarnos un mundo onde a realidade, a mitoloxía e a imaxinación do autor se mesturan de maneira tan sutil que case resulta imposible diferenciar entre unhas e outras.

Entre algunhas xentes próximas ao mundo da escrita culinaria é común a crenza de que os escritos gastronómicos de Cunqueiro reproducen a mesma mestura de realidade e imaxinación da súa narrativa. E cóntanse anécdotas de viaxeiros que, querendo coñecer en primeira persoa os pratos contados por Cunqueiro, chegan a países máis ou menos próximos ou afastados e descobren que tales especialidades non existen. Penso que non son máis que novos mitos.

Inda que Cunqueiro é coñecido no mundo da gastronomía por tres libros (Teatro Venatorio y Coquinario Gallego, La Cocina Cristina de Occidente e A Cociña Galega, publicados en 1958, 1969 e 1973) o tema culinario está presente na súa obra narrativa dende o comezo. O pasado 25 de agosto cumpríronse 50 anos da publicación da súa primeira novela, Merlín e familia e outras historias, na que a cociña está presente en todos e cada un dos capítulos do libro, case en cada páxina do mesmo. Arredor de cincuenta alimentos, receitas e pratos de cociña aparecen reflectidos nas menos de 200 páxinas da novela. O Merlín é un espléndido documento para saber que e como se comía na zona de Mondoñedo hai medio século, xa que tódalas mencións culinarias na mesma fan referencia a pratos que entón eran de uso común na Mariña de Lugo, e algúns seguen a selo na actualidade. Nada que ver co xa comentado mito dos pratos, usos e costumes culinarios saídos unicamente do maxín do mindoniense.

O número de referencias culinarias atopadas no Merlín (cincuenta) toman meirande importancia se pensamos que, analizada a práctica totalidade da obra narrativa de Cunqueiro, incluíndo os artigos xornalísticos e sen contar os tres libros específicos de cociña, podemos atopar arredor dun total de 300 referencias a máis de 200 alimentos e receitas.

Pouco despois da publicación do Merlín publicábase As crónicas do Sochantre, novela na que a gastronomía volve a estar presente con forza. Malia que os protagonistas da mesma son unha hoste de pantasmas, eso non impide que coman e beban coma os vivos da Bretaña francesa, na que transcorren as aventuras do Sochantre de Pontivy. Se cadra, onde imaxinación e cociña se mesturan de maneira máis patente nas novelas de Cunqueiro é en Se o vello Simbad volvese ás illas, de 1961, na que atopamos ata fuciño de elefante mechado.

Mais volvendo co Merlín, é o apartado culinario o máis realista de toda a novela. Os detalles poderá coñecelos o lector no libro “A Cociña do Merlín” que agardo saia do prelo antes de finais do presente ano, da man de Galaxia, a mesma editorial que puxo no mercado o Merlín e familia hai xa cincuenta anos e algúns días.

Artigo publicado en El Progreso o 19 de setembro de 2005

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios