Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

FOLLAS DE LIMÓN PARA O ANTROIDO

FOLLAS DE LIMÓN PARA O ANTROIDO

Chega o Antroido e, quen máis quen menos, prepara as súas filloas e orellas de frade para obsequiar o padal nestas festas. Outros, penso que cada día máis, xa non se molestan e van á confeitería a mercalas.
Aínda queda quen, postas as mans á masa, prepara un vello doce tipicamente galego, como son as follas de limón. Desaparecidas nas cidades e case desaparecidas no medio rural, para moitos as follas de limón non son, xa, máis ca unha doce lembranza.
Entre eles andaba meu pai. Cando por Antroido nos xuntábamos fillos e mai para facer os postres típicos da época, meu pai sempre lembraba as follas de limón que facían Carmen das Tanas e Xulia dos Pinos na casa de meu avó. "Aquelas si que sabían ben", dicía.
Pero por unhas ou por outras, nunca fun a Os Pinos a pedirlle a Xulia a receita, ata o día que foi demasiado tarde. Meu pai lembraba que se trataba dunha masa ou crema na que se mollaban as follas para despois fritilas e, unha vez fora da tixola, botarlles azucre. Sinxelo.
Co paso do tempo coñecín o segredo. O mestre Álvaro Cunqueiro fala das follas de limón nun dos seus libros, e ofrece unha sinxela receita. Non se trata máis que dun amoado semellante ao dos freixós (filloas): fariña, ovos batidos e leite, cunhas areas de sal para reforzar o sabor. O amoado debe ser algo máis espeso que o dos freixós. As follas de limoeiro, frescas, métense neste amoado e inmediatamente van á tixola, con abundante aceite ben quente. Unha vez fritas bótaselles azucre e cómense sen esperar moito, que co paso do tempo van perdendo cualidades.
Quen proba as follas por primeira vez namorase deste postre exquisito e totalmente galego, por eso non perdo ocasión de fomentar o seu consumo entre amigos e estraños.
As follas de limón teñen que vir de lonxe na tradición galega. Repasando un vello libro do século XV, escrito polo italiano Martino da Como "Cocinero por un tiempo del Monseñor Camarlengo y Patriarca de Aquileia", atopo unha receita semellante, anque feita con follas dunha árbore sempre presente en Galicia: o loureiro.
Non se estrañen por atopar tan lonxe unha receita na que o único que cambia e un dos ingredientes, xa que o caso se repite. En Murcia séguense a cociñar os paparajotes que son exactamente as follas de limón galegas, pero no outro extremo de España.
Nun xornal coruñés de 1906 publicase, nos días anteriores ó martes de Antroido o seguinte anuncio, que proba a antigüidade da receita en Galicia:
“FLORES Y OREJAS Y HOJAS DE LIMÓN, de la acreditada confitería del Castellano, se venden en la calle de Bailén, núm 4-3º. Se admiten encargos

© Miguel Vila Pernas


Artigo publicado en El progreso o 31 de xaneiro de 2005

0 comentarios