Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

TAPIÑAS

COMPRAS EXÓTICAS

Sempre que vou a Madrid e teño un tempiño, visito algún supermercado oriental ou sudaméricano para mercar o que non atopo en Galicia. Desta volta merquei:

- Salsa hoisin. Un prebe chinés de fabas coloradas que se usa, por exemplo, co pato pekinés.
- Salsa de ostras.
- Vinagre para sushi. En Santiago tamén o atopo, pero custa exactamente o triplo.
- Papel de arroz vietnamita, comestible claro.
- Aceite de sésamo.
- Olivas doces. Unha especialidade chinesa. Trátase dunhas enormes olivas de cor verde claro moi intenso. A textura é semellante á das froitas confitadas. O sabor, doce e cun toque a balorecido, non gusta a todo o mundo.
- Pomelo chinés (shaddock). Un pomelo con forma de pera que pode pesar arredor de un quilo cada peza. Sabe a pomelo, pero é doce, inda que conserva un final lixeiramente agre.
- Tomate “bola”. Un intermedio entre o tomate normal e o “raff”, con prezo tamén intermedio. Pagueino a uns tres euros o quilo, algo máis caro que os normais. O raff estaba a 8,99 euros/quilo. O tomate bola é redondo e vermello, con zonas dun verde que tira a negro e un sabor que lembra aos tomates caseiros madurados na pranta.
- Pan de bono. Unha especialidade colombiana. Pan feito con fariña de iuca e queixo.
- Pan de coco. Tamén colombiano.
- Buñuelos. Outra especialidade colombiana, tamén con queixo e fariña de iuca, pero substancialmente diferente do pan de bono.

Xa menos exóticos, pero igualmente descoñecidos para a meirande parte dos galegos, merquei “zarajos”, unha especialidade de Cuenca consistente en tripas de cordeiro enroladas facendo unha madeixa.

E regaláronme un garfo, unha culler e unha espátula de madeira. Pero non os típicos garfos, culleres e espátulas de madeira que podemos atopar en calquera comercio, dende os máis elitistas ata os de todo a cen. Non. Son utensilios de cociña feitos á man con madeira de xesta por un artesán do Bierzo. Véndeos o afiador do mercado de Santa María de la Cabeza, naturalmente un paisano galego, a dous prezos diferentes: cinco euros para os amigos, dez para o resto da clientela. Merece a pena pagalos, xa que para cociñar non hai nada mellor.

E xa me esquecía. Tamén visitei unha das poucas latonerías que quedan en Madrid, ao pe mesmo da estación de Atocha. Merquei unha bolsa de rede para cocer os garavanzos todos ben xuntiños, sen ter que andar despois á súa caza de captura pola pota. Témome que esa foi a derradeira visita a esta tenda, rexentada por un home de idade avanzada que se resiste á xubilación mentres a familia insiste en que traspase o local, que seguramente acabará convertido nun ultramarinos rexido por un chino, que é o que agora se leva na zona.

SEREMOS PARVOS

Viaxo por estrada cara a Madrid e paro a comer nun restaurante ao pe dunha gasolineira. Bacallau ao pil-pil coas súas cocochas. Bastante bo.

Coa conta danme unha tarxeta na que me aseguran grandes descontos na gasolineira por ser cliente do restaurante. Como tiña que botar combustible, aproveitei o gran desconto. Total, despois de vinte e tantos euros de comida e vinte e cinco de gasóleo, descontáronme 68 céntimos. ¡Así fidelizase ao cliente!

XUSTIZA POÉTICA

As vendas de cava en Galicia caeron arredor dun 30 por cento, supoño que a causa do absurdo boicot declarado a este produto catalán. Parece que as botellas nas que se envasa o cava son fabricadas en Cataluña e as rollas proceden de Estremadura, así que o boicot afecta xa a tres comunidades.

Non podemos esquecer, ademais, ás empresas galegas que distribúen estes viños na nosa terra, as de transportes que nolo achegan e os comerciantes que se van quedar con viño na tenda. Total, cuspen cara arriba e cáelles na cara.

O boicot ao cava e como o da coca cola. Neste caso fódense os traballadores coruñeses da planta embotelladora de A Coruña.

No caso do cava, parece que onte a lotería fixo unha especie de xustiza poética. Unha parte, pequena ou grande, do cava afectado polo boicot seguro que se bebeu onte para celebrar o gordo e o terceiro premio da lotería de Nadal, premios que pagan tódolos que xogan o seu décimo, incluídos os promotores do boicot.

TORTAS MILLONARIAS

Quen ande hoxe por Tokio algo sobrado de diñeiro pode pasarse polas grandes almacenes Takashimaya, que puxeron á venda unha torta de Nadal adornada con diamantes e valorada en 200 millóns de euros, que equivalen a 1,5 millóns de euros.

CAPÓN DE BALDE EN VILALBA

Mañá, 21 de decembro, a cita está en Vilalba, na Feira do Capón.

Ademais da posibilidade de mercar unha boa parella para a cea de Noiteboa ou a comida de Nadal, pódese probar o capón de balde nos 35 bares da localidade que o van ofrecer aos seus clientes. A bebida págase.

O concello doará 35 capóns a eses locais, prevíndose que se sirvan unhas mil racións do mesmo. Os bares que o pidan recibirán os capóns en fresco para asalos segundo as propias receitas, e a os demais chegará xa asado e recheo de marisco.

Unha oportunidade para probar este delicioso manxar da Terra Cha.

FESTAS DE INTERÉS

O ano comeza con festas gastronómicas de interese.

O 21 de xaneiro O Barco de Valdeorras celebrara a dedicada ao botelo, ese embutido que Galicia comparte con León.

En febreiro, o 25, terá lugar a festa da Vincha no concello pontevedrés de Cerdedo. Haberá concurso de vinchas, e venda desta sobremesa e outras típicas do antroido.

Antes, do 8 ao 12 de febreiro terá lugar Xantar, no recinto feiral de Ourense, esta vez coa novidade da presenza dun stand e restaurante de Bretaña.

A COCA DOS INDÍXENAS COLOMBIANOS

A COCA DOS INDÍXENAS COLOMBIANOS

Os indíxenas colombianos de Tierradentro (Cauca) están dispostos a competir co imperio das bebidas gasosas coa súa nova “Coca-sek”, un refresco de cor amarela que ten a particularidade de que na súa composición entran as follas de coca, o que parece totalmente legal.

Hoxe debeu saír aos mercados colombianos esta bebida que dificilmente terá éxito foras dos mercados locais.

MARCA PROPIA PARA O PAN DE CARBALLO

O exquisito pan da capital de Bergantiños comercializarase baixo a marca “Pan de Carballo”, que vai rexistrar o propio concello a través da concellería de Turismo. Polas declaracións do concelleiro do ramo a Radio Voz, polo momento non pensan en dar o paso da indicación xeográfica protexida, coa que a Unión Europea respalda a calidade dos produtos alimentarios de calidade.

En Galicia so o pan de Cea dispón deste distintivo europeo.

VAIA DECEPCIÓN

Mañá sábado a Cooperativa Vitivinícola de O Ribeiro recibirá un premio, outorgado polo Consello Galego de Cooperativas, que premia o traballo de recuperación do viño tostado na denominación de orixe.

Onte era o día marcado pola Cooperativa para sacar ao mercado este viño. Debía converterse nunha data histórica, xa que se recuperaba un viño desaparecido do mercado hai arredor dun século. O certo é que a data pasou sen pena nin gloria. Nin unha palabra sobre o acontecemento en ningún sitio, no caso de que houbera acontecemento. Parece que o tostado volveu desaparecer, vaia decepción.

UNHA OFERTA DISTINTA PARA FIN DE ANO

As páxinas dos xornais están xa cheas de anuncios das ceas de Noiteboa e, fundamentalmente, fin de ano. Ofertas con nomes rimbombantes nos que o título de cada prato ocupa varias liñas para, finalmente, rematar cunha sobremesa amarga: o prezo da festa.

Os coruñeses teñen este ano unha nova oferta, diferente de todo o habitual: sushi, sashimi, ensalada de lumbrigante cocido, tempura, pinchos de langostino e polo, magret de pato á prancha, foie á prancha. Despois unha sobremesa que non se especifica, café, viños das Rías Baixas e o inevitable Rioxa, cava catalán (ao carallo o boicot sen sentido)... todo por 53,45 euros.

A oferta corresponden ao novo restaurante xaponés aberto no centro de ocio do porto da Coruña.

Persoalmente a oferta paréceme interesante, afeccionado como son ás cociñas do mundo e, de maneira moi especial, á xaponesa. Pero o anuncio chama a atención por dúas cuestións:

1. O menú comeza xaponés, pero semella rematar francés, ou polo menos afrancesado, con ese magret e foie á prancha. Non me parece mal, so me sorprende.

2. O prezo anunciado é de 49,95 euros (as rebaixas non comezan ata xaneiro) que se incrementará co correspondente 7% de ive, resultando os 53,45 euros por persoa. Non me parece moito, pero paréceme que iso de poñer os impostos aparte é tratar ao cliente como se fora parvo.

Non coñezo o xaponés do porto da Coruña, así que non poido recomendalo.

REEDITAN O “TEATRO VENATORIO E COQUINARIO GALLEGO” DE CUNQUEIRO E CASTROVIEJO

REEDITAN O “TEATRO VENATORIO E COQUINARIO GALLEGO” DE CUNQUEIRO E CASTROVIEJO

A recuperación de “Teatro venatorio y coquinario gallego”, de Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo, era unha vella aspiración de tódolos amigos da literatura culinaria que ven de facerse realidade grazas á editorial Ézaro, que saca á rúa unha edición facsimilar da obra orixinal, da que so se imprimiron 540 exemplares.

Posteriormente os textos de Cunqueiro e Castroviejo foron editados na colección Austral da editorial Espasa Calpe. Pero neste caso faltan o epílogo de Emilio Álvarez Blázquez e os gravados de catalán Ricart. Espasa tamén cambiou o título orixinal polo de “Viaje por los montes y chimeneas de Galicia”

A edición facsimilar de edicións Ézaro reproduce fielmente a primeira edición do libro, co seu epílogo e a reprodución dos gravados.

Xa temos un bo agasallo para as festas.

CITA-COMIDA A CEGAS

Anil Gambhir é natural de Nueva Delhi, capital da India, pero dende hai anos reside na Coruña. Cousas do amor.

E na Coruña Anil rexenta dous restaurantes étnicos: o Istambul, na avenida de Rubine, e o restaurante Da India, na rúa Puerto Rico. Os nomes xa indican por onde van os tiros.

No seu restaurante indio Anil ten organizado cursiños para coñecer máis de preto a cociña do seu país, e agora está a organizar o que poderíamos chamar “comidas a cegas”, xuntando na mesma mesa a xente descoñecida. No xornal anuncia que xa van tres parellas formadas nestas comidas.

Tamén anuncia comidas e ceas de empresa con danza do ventre. Unha opción interesante para os banquetes de compañeiros e amigos que tanto se prodigan nestas festas.

Da India ten unha páxina web, non moi atractiva, pero na que poderemos saber algo máis sobre as especialidades que se nos ofrecen. Ollo con todo o que leve o apelido “vindaloo”, porque máis que picante é explosivo. Na web tamén hai un plano de emprazamento para chegar á primeira.

O MÉRCORES PROBAREMOS O TOSTADO DO RIBEIRO

A colleita do 2004 Tostado de Costeira, o viño tostado recuperado pola cooperativa do Ribeiro, estará á venda o próximo mércores, 14 de decembro, segundo anuncia hoxe a empresa. Sarán ao mercado 3.900 botellas, que se poden reservar no Club Costeira. Tres botellas de medio litro costarán 63 euros, transporte incluído. As primeiras reservas recibirán como agasallo unha botella experimental da vendima de 2003.

Doutra banda, o viño escumoso de Valdeorras, venderase a partir do venres 16, contando cun total de 3.000 botellas, baixo a marca Danza.

VERMES FRITOS?

VERMES FRITOS?

Hai vai o prato de vermes fritos que puxen este mediodía na mesa, con notable éxito entre toda a familia.

CHULETAS DE CAN

Conta o xornal que nun mercado arxentino descubriron que a carne que vendían como cordeiro non era tal, senón can.
Sóubose cando os veciños comezaron a denunciar a desaparición masiva de cadelos.

O conto lembra un dos mitos urbanos que circulan por Madrid, que asegura que houbo un tempo en que os típicos restaurantes da ponte de San Fernando de Henares poñían chuletas de can, vendéndoas como de cordeiro.

Ninguén sabe dar novas certas de como se descubriu a fraude. Tampouco saben dicir se as chuletas de can son mellores ou peores que as de cordeiro.

Haberá que preguntar nalgún dos países de oriente onde comen can asado.

CASTAÑAS E OVOS FRITIDOS

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, di que o prato máis rico do mundo son as castañas con ovos fritidos, preparación que recoñece ter descuberto recentemente e do que eu non tiña coñecemento.

¿Hai algún lector que probara este prato e poida explicarnos algo máis sobre o mesmo?

XII FESTA DA RICHADA

O próximo domingo Forcarei, na pontevedresa comarca do Deza, celebra a Festa da Richada, que vai xa pola edición número doce. Cara ao mediodía haberá degustación de carne richada acompañada de filloas e viño, a dous euros a ración.

A richada é carne de tenreira, cortada en tiras finas ou dados e fritida con cebola e pemento doce e picante, que se acompaña tradicionalmente con tacas cocidas, inda que non é raro vela con patacas cocidas.

Parece que a receita procede do patrimonio culinario dos arrieiros que no século XIX facían a ruta entre o Ribeiro e Santiago, inda que hoxe é un dos pratos máis propios da comarca de Terra de Montes.

MÁIS NOVIDADES GASTRONÓMICAS GALEGAS

Os percebes en lata poden ser unha realidade nos mercados máis selectos a comezos do próximo ano, segundo informa hoxe La Voz de Galicia