COLINETA. Gastronomía e literatura.contacto: miguel(arroba)colineta.com
|
Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2005. 07/01/2005OS BOS GRELOS Despois de dez anos vivindo preto de Santiago de Compostela, onte comín por primeira vez uns bos grelos aquí. En Santiago e comarca é difícil distinguir entre grelos e nabizas, que todo semella o mesmo. Polo menos isto pasa nos restaurantes, nos supermercados e nas tendas de verduras.En Lugo non sucede o mesmo, e os grelos son grelos. Alí ninguén intenta darnos nabiza por grelo. Despois de comer felicitei persoalmente por este feito á Carmen, propietaria e cociñeira do Tropic, de Bertamiráns. Non era para menos. Nota: o que sucede na zona de Santiago pasa en media Galicia... ou máis. Cada día é máis raro escoitar falar de nabizas, todo se volve grelos, polo que moitos galegos descoñecen a diferenza entre uns e outros. Volveremos sobre o asunto. 09/01/2005OS RILES DO RAÑAOnte regresaba á casa no mesmo autobús antiquísimo de tódolos días cando subiu un vello que, polas barbas e as melenas desamañadas, semellaba un mendigo. Curiosamente, levaba un radio casete coma os horteras, pero pequeniño. A roupa (pantalón chino claro e chaquetón de abrigo castaño) semellaba nova e estaba limpa, pero o vello despedía un insoportable cheiro a mexos. 10/01/2005DIARIO DE COMIDAS Escribía onte que estou a ler o Diario de Comidas, de Xavier Rodríguez Baixeras, poeta galego nacido en Tarragona (sempre dixen que os galegos nacemos onde nos peta, eu fíxeno na Habana, do que me sinto orgulloso) anque orixinario da Mariña de Lugo por parte de pai.Neste libro Baixeras da mostras dunha ampla experiencia en materia gastronómica e de non menos amplos coñecementos na materia, anque non comparto algunhas das súas afirmacións. O libro é moi recomendable para calquera interesado na gastronomía e na literatura. Semella que gastronomía e cociña interesan cada vez máis, pero mira un os andeis das librerías e a meirande parte do que atopa son libros de receitas, moitas veces copiados uns dos outros. O valor principal de moitos destes libros son as espléndidas fotografías e, outras veces, o feito de estar asinados por estrelas da televisión ou da música, que probablemente o único que aportan ó libro é o seu nome. O caso é que estes libros véndense e os editores piden fundamentalmente libros de receitas. E cando se lles ofrece literatura gastronómica, piden que se incorpore un capítulo de receitas. Por eso non deixa de ser notable a aparición de obras como a de Baixeras, pura literatura gastronómica. Non deixen de mercalo. 11/01/2005SALMÓN DELICIOSO E PARA QUEDAR BEN![]() Continúo a non entender a tolemia colectiva do remate do ano, que leva a España enteira a tirar o diñeiro de maneira asombrosa en comidas e ceas pantagruélicas nas que dificilmente apreciamos o que comemos, anque o paguemos a prezos exorbitados. 12/01/2005PREMIO NACIONAL DE XORNALISMO GASTRONÓMICO ÁLVARO CUNQUEIRO Un día semellante a hoxe, pero hai un ano, soou o meu teléfono a media tarde e era o alcalde de Lalín quen chamaba para comunicarme que o xurado do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro acordara premiar o meu libro Caldeirada para dous (mortos)como mellor libro sobre gastronomía galega.Este mediodía reúnese de novo o xurado dos premios, na edición de 2005. Esta tarde volverán a soar varios teléfonos para recibir a mesma nova, pero non soará o meu, que non presentei nada a concurso. A pesar diso teño gañas de saber quenes son os premiados este ano, así que esta tarde estarei atento ás novas que cheguen de Lalín. Hai que recoñecer o enorme traballo que se está a facer dende a vila pontevedresa arredor da Festa do Cocido, que seguramente de tódalas festas gastronómicas galegas é a máis coñecida no resto de España. Tal vez a única que se lle poida equiparar é a do marisco do Grove. 14/01/2005¿ESCRÍBESE POUCO EN GALICIA SOBRE GASTRONOMÍA? Semella que pouco se escribe en Galicia sobre gastronomía. Escribía antonte sobre o fallo dos premios de xornalismo gastronómico de Lalín para este ano e o mesmo día pola tarde xa se coñecín os gañadores.Das once edicións que van o premio gordo, é dicir, o de máis dotación económica, so en tres ocasión recaeu en artigos publicados en publicacións galegas. Foron os afortunados, por orde cronolóxico, Ramón Baltar, Xosé Martínez Couselo e Fernando Ónega. Os medios en que publicaron foron, pola mesma orde, Andares Gozosos, El Correo Gallego e El Progreso. Este ano, unha vez máis o premio marcha fóra de Galicia, cara Asturias, anque o premiado sexa galego pero residindo e traballando na comunidade veciña hai catro décadas. Peor aínda está o panorama en materia de radio e televisión, xa que a radio e televisión autonómicas galegas copan tódolos premios, excepto o de hai dous anos, que caeu en Canal Cocina, anque a premiada sexa filla do autor dalgúns dos mellores libros sobre a gastronomía galega, o tamén galego, Jorge Víctor Sueiro. Tamén houbo un premio para Radio Nacional de España. Moito mellor está a categoría de libros e publicacións sobre gastronomía, na que catro dos cinco premios concedidos foron para obras de galegos publicadas en Galicia. Un dos gañadores deste ano na categoría de libros, Fausto Galdo, será a primeira persoa que recibe dúas veces o premio, que xa gañara na sexta edición coa sección que publica en El Ideal Gallego. 16/01/2005NAVALLAS Ó LAMBE LAMBE![]() Un dos recordos máis vívidos da miña nenez son as navallas coas que miña mai comezaba a comida dunha boa parte dos sábados. O mercado de Ferreira do Valadouro vivía tempos mellores que os actuais, e eran moitas as pescantinas, de Foz e Burela principalmente, que cada sábado levaban o peixe á vila. 18/01/2005CHANFAINAS Despois de moitos anos volvín comer chanfainas. Sempre me gustaron sen curar, fritidas e acompañadas de patacas, pero as que comín desta volta foron cocidas, que xa estaban algo curadas de máis e non servían para fritir.De neno na miña casa matábanse un ou dos cochos e miña mai facía as chanfainas, grandes e gordas, cos pulmóns do bicho e outras carnes e, paréceme, mesturando algo de zorza dos chourizos. Afumábanse con loureiro e comíanse frescas, fritas principalmente. Agora resulta que un carniceiro de Mondoñedo as leva os sábados ó mercado de Ferreira do Valadouro, onde foron mercadas as que eu comín. Este mesmo carniceiro leva tamén roxós de tripa, que eu comía con gusto nunha das tabernas con máis personalidade de Ferreira, Os Lobos, pechada hai uns anos. O exemplo deste mindoniense, que emprega como marca comercial unha que lle había gustar a Cunqueiro, Fontevella, debería estenderse máis para evitar perder esas exquisiteces que estamos a perder. As chanfainas que comín cocidas estaban certamente moi ben feitas. Prometo volver sobre o tema cando as compre frescas e as poida comer fritidas, acompañadas duns cachelos. 20/01/2005TODA UNHA VIDA NO MESÓN DO POETAFalaba hai uns días da edición deste ano do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que se fallo en Lalín este mes de xaneiro. O mesmo día deuse a coñecer a lista dos premios ó labor de toda unha vida, que recoñece o traballo de catro cociñeiras galegas, un de cada provincia. A premiada por Lugo é este ano Salomé Gómez Fernández, cociñeira e propietaria, xunto co seu marido, do Mesón do Poeta, de Burela. Tanto Salomé coma o seu home proceden do Valadouro, e máis concretamente da parroquia de Vilacampa. Moito me gustará ver por segundo ano consecutivo a unha persoa do Valadouro subir a recoller un premio na Gala da Gastronomía, e que o vexa Galicia enteira a través da televisión autonómica. Semella que A Mariña de Lugo está de moda en Lalín, xa que si este ano haberá dous premios para outros tantos mariñaos (Salomé e o escritor e médico de Viveiro Fausto Galdo, como autor do mellor libro de gastronomía), o ano pasado tamén dous da Mariña recollemos senllos premios. En 2004 o premio ó labor de toda unha vida correspondeu á propietaria do restaurante A Voltiña, de Mondoñedo, e eu mesmo recollín o premio ó mellor libro de gastronomía galega. Agardo que Álvaro Cunqueiro, dende a cociña do Ceo, estea disfrutando dos méritos mariñaos, el que en 1969 foi o primeiro pregoeiro da festa. 22/01/2005VAIA PREZOSComentaba hai uns días sobre a exquisita calidade das navallas (coquinas) que se recollen na zona de Viveiro, Vicedo e Barqueiro, e das moitas que comín na nenez e adolescencia no almorzo do sábados en Ferreira do Valadouro. Escribo almorzo porque no Valadouro este é o nome que se da á comida do mediodía e non ó desaúno, como en boa parte de Galicia. Esta semana tiven oportunidade de visitar a Estaca de Bares, precisamente o día que o mar de fondo causou abondos problemas en tantos portos galegos. Dende o semáforo de Bares o espectáculo da ría do Barqueiro e da illa Coelleira, azoutadas por olas xigantescas era marabilloso. E digo olas xigantescas porque o seu tamaño supera con moito a altura dun mercante que se atopaba fondeado no medio da ría, supoño que ó abrigo do temporal. Afortunadamente para o barco e os seus tripulantes as olas non chegaban onde se atopaban. No antigo semáforo hai agora instalado un hoteliño e restaurante dende logo pintorescos e que, ó parecer, está tendo moito éxito, cousa que non é de estrañar dado o lugar onde se atopan e as belezas que ó visitante ofrecen as Rías Altas e a Mariña de Lugo. Comentounos o responsable do hotel que recibiran reservas ata de Finlandia. Anque o restaurante estaba pechado, tiven curiosidade por ver a carta e o que nela ofrecen, con algúns pratos propios da zona, entre os que se atopan as mencionadas navallas. O malo é o prezo, derivado da escaseza deste marisco: no Semáforo de Bares a ración de navallas, de 300 gramos, custa 22 euros, pero se están ben cociñadas tamén pode un darse un capricho de cando en vez. 24/01/2005CALLOS CON TORTILLA Debeu ser hai dous anos cando, na miña colaboración na Radio Galega, falaba coa responsable dos fogóns do Verruga, de Lugo, sobre as xornadas que cada mes de xaneiro dedica este restaurante ós callos. Falamos entón dos callos con tortilla, que un ano máis nos ofrecen, xunto con outras variedades, nesta segunda quincena do mes, segundo vexo nun anuncio publicado en El Progreso.Algún tempo despois daquela conversa escribín no meu libro “Caldeirada para dous (mortos)” que “A última novidade nos fogóns galegos son os callos con tortilla, que dende hai algúns anos veñen ofrecendo no restaurante lugués Verruga. A proposta dun cliente, que os comera desa maneira nunha vila non identificada, levou ós responsables do restaurante a incorporalos á carta das xornadas que tódolos anos realizan sobre este produto”. Pasaran algunhas semanas dende a publicación do libro cando, nunha mensaxe electrónica de agradecemento por terllo remitido, desvelábame a incógnita o tamén galego e escritor gastronómico Cristino Álvarez, que asina os seus artigos como Caius Apicius, en lembranza do mítico Apicius romano que nos legou un receitario coas fórmulas da cociña imperial. Ollo, que o Caius foi un engadido do xornalista galego, buscando un nome romano que lle permitira conservar no pseudónimo as iniciais do seu nome real: C.A. O caso é que me comunica C.A. que os tales callos con tortilla son a especialidade dun restaurante de barrio madrileño, Las Batuecas, situado na zona de Cuatro Caminos, onde posiblemente os coñecera o cliente do Verruga. No restaurante lugués cociñan unha tortilla de pataca coa que cobren o fondo dunha tarteira. Cóbrese a tortilla cos callos, á madrileña, sen garavanzos, e lévase a cazola ó calor da prancha un tempiño antes de servir, que así a tortilla colle o sabor do prebe dos callos. De seguido para a mesa... e que aproveite. Publicado en El progreso, o 23 de xaneiro de 2005 26/01/2005SABE QUE LAMPREA"Sabe que lamprea" di meu pai cando na mesa atopa algo do seu gusto. Semella que os galegos levamos no fondo do subconsciente un peixe que nos visita nunha curta tempada durante a que o facemos rei do río. O consumo de lamprea ven de vello, como as receitas que empregamos para cociñala. Anque xa os emperadores romanos devecían por ela, poucas referencias hai sobre as maneiras de cociñala anteriores ó século XV. Dende entón poucos son os receitarios nos que non aparece. A finais do século XV, Martino da Como, cociñeiro por un tempo do reverendísimo Monseñor Camarlengo y Patriarca de Aquileia, publica o seu Libro de Arte Culinaria. Indica que a lamprea cocíñase con media noz moscada na boca e en cada un dos buratos da cabeza un cravo. Colócase o peixe na cazola formando unha rosca e ponse aceite, agraz, viño branco e o seu sangue. Unha segunda receita de Martino consiste en espeta-la lamprea e asala derriba do lume, recollendo os líquidos para preparar o prebe. Uns anos despois, en 1525, publícase o Libro de Guisados, Manjares y Potajes intitulado Libro de Cocina, que o seu autor, Ruperto de Nola, dedica ó serenísimo rey Don Fernando de Nápoles, do que se presenta como cociñeiro maior. Nola ofrece unha soa receita, lamprea en pan. Pode que a primeira cita da empanada de lamprea: antes de poñe-lo peixe no pan, sazónase con pementa, noz moscada, cravo, vinagre, viño tinto, o sangue do animal e pan torrado. O mesmo pan torrado que hoxe acompaña á nosa lamprea guisada. Chegamos ó século XVII e atopamos o Arte de Cocina, pastelería, vizcochería y conservería do que é autor Francisco Martínez Montiño, cocinero mayor del rey nuestro Señor. A obra foi publicada en Madrid en 1623, pero existen sospeitas sobre o posible orixe galego de Montiño. O autor de Arte de Cocina di: "ya se sabe que la lamprea en cazuela, o empanada, es lo mejor". Así que nos ofrece a maneira de cociñala en cazola e empanada, acompañada de cebola, aceite, viño, vinagre e especias. Tamén inclúe a lamprea asada, receita igual que a de Martino da Como, indicando que para o prebe, ademais dos zumes que solte o peixe mentres se asa, emprégase zume de limón ou laranxa. Máis o certamente interesante do libro de Montiño é a receita da lamprea en cecina, é dicir, curada, como aínda se adoita preparar en Arbo. Para esta especialidade debe remollarse o peixe e servilo cunha salsa feita de cebola frita, sazonada con especias, vinagre e viño tinto e ligado con fariña. Sérvese sobre rebandas de pan torrado. No século XIX publicase un texto fundamental na historia da cociña en España, o Nuevo Arte de Cocina do que é autor Juan de Altamiras. Da lamprea di Altamiras que é un peixe semellante á anguía, pero "tiene diez o doce, ahujeros debaxo de la cabeza". Indica que debe cociñarse con allos fritos, pementa, azafrán, cravo, canela, perexil e o seu propio sangue. No remate do século XIX sae do prelo outro clásico El Practicón. Tratado completo de cocina al alcance de todos y aprovechamiento de sobras do que é autor un bo coñecedor de Galicia: Angel Muro. Durante anos Muro visita frecuentemente Vigo e veranea en Bouzas, onde fina en 1897 dun cólico miserere, nome que recibían entón a apendicite e outras doenzas semellantes. Muro foi o primeiro divulgador dalgúns pratos da cociña galega, especialmente do sur de Pontevedra. Pero no Practicón so atopamos unha pequena referencia á lamprea. Di que se trata dun peixe semellante á anguía e que, polo tanto, se prepara das mesmas maneiras, é dicir, frita ou á tártara. Aclaremos que por entón á tártara significaba pasado por pan relado, asado á grella e servido con salsa tártara. Tamén di que "guisada en trozos pequeños, en pepitoria, con muchas setas, resulta uno de los manjares más selectos de la alta cocina". Pero non da máis detalles sobre a receita. A comezos do século XX contamos con dous autores verdadeiramente interesados na cociña galega: Manuel María Puga y Parga, Picadillo, e Emilia Pardo Bazán. Puga y Parga publica en 1905 La cocina práctica, máis coñecido polo alcume do seu autor, Picadillo, cun total de oito receitas de lamprea: tres guisadas, unha en cazola, outra estufada, en escabeche, curada e en conserva. Pouco despois a Marquesa de Pardo Bazán publica La cocina española antigua, con dúas receitas de lamprea: "en su sangre" e "con especias". Hoxe as receitas da lamprea están en todo receitario galego. Co paso do tempo Galicia convirtiuse no lugar de referencia de Europa enteira en asuntos de lamprea. E Arbo, na pontevedresa ribeira do Miño, na súa capital. E como tódolos anos, en Arbo á lamprea fanlle festa para lembrarlle que non pode faltar á cita do próximo ano. ¿Para qué, senón, serviría o cuco?, escribiu Alfredo Conde. 27/01/2005VIÑO QUENTE E CHOCOLATE EN VIÑO![]() Leo nun xornal a nova de que na cidade rumana de Brasov meteron no corpo cinco toneladas de viño tinto fervido, que debe ser aproximadamente 5.000 litros de viño ou, o que é o mesmo, máis de 6.600 botellas de tres cuartos. O viño bebeuse quente e aromatizado con herbas aromáticas, pementa e canela, segundo é a tradición rumana, segundo indica o xornal. 29/01/2005OS AROMAS DO KEBAB TURCO Esta semana comín en Santiago un kebab supostamente turco, nun novo restaurante con especialidades deste país que abriu na capital de Galicia. Era un donner kebab, unha sucesión de bistés de cordeiro que se montan nun gran espeto e que se asan, verticalmente, nun aparello eléctrico construído para este uso.Lamento non coñecer Turquía nin os usos e costumes tradicionais relacionados con este prato, xa que imaxino que antes de asar a carne nun aparello eléctrico o farían con brasas, cousa que me parece abondo complicada, xa que o espeto non deixa de dar voltas. O cociñeiro corta finas lascas da parte exterior da enorme masa de carne que está no asador e o resto segue asándose. Agora empregan uns aparellos eléctricos que permiten sacar lascas moi finas e sempre iguais, que antes o corte facíase a coitelo. A carne así cortada ponse derriba dun pan turco, pan de pita, no que tamén vai ensalada (leituga, tomate, cogombro) e un prebe feito principalmente de iogur. Péchase o pan e listo o kebab, que semella un bocadillo. En Santiago servíronme a carne en prato, derriba dunha montaña de patacas fritidas e espolvoreadas de pemento doce (mágoa que eran patacas conxeladas como as de calquera establecemento de comida rápida) e a ensalada. Aceptable para unha comida rápida, pero non de tirar foguetes. Xa dixen que non coñezo Turquía. Así que non me queda máis consolo que o kebab que serven no madrileño Ebla, un pequeno bar con especialidades orientais emprazado na rúa Martín de los Heros, fronte con fronte cos cines Renoir e moi próximo ós Alphaville. Mentres vivín en Madrid, e foron moitos anos, fun habitual destes cines e, ó mesmo tempo, do Ebla. Co bar aberto ou pechado, a calquera hora do día ou da noite que eu pasara por esa parte da rúa Martín de los Heros, sempre me paraba uns momentos na beirarrúa para disfrutar dos marabillosos aromas que saían do Ebla. Despois, se era momento, entraba a comer o meu kebab. Agora, cando vou a Madrid, se podo tamén fago a visita. Esta semana comín kebab en Santiago, pero o restaurante, que se chama Istambul, non ulía coma o Ebla. Mágoa. 31/01/2005FOLLAS DE LIMÓN PARA O ANTROIDO![]() Chega o Antroido e, quen máis quen menos, prepara as súas filloas e orellas de frade para obsequiar o padal nestas festas. Outros, penso que cada día máis, xa non se molestan e van á confeitería a mercalas. © Miguel Vila Pernas Artigo publicado en El progreso o 31 de xaneiro de 2005 |
![]() Esta obra está baixo unha licenza Creative Commons. TemasArchivos
Enlaces |